
O século pasado, cando me daba por cagar sentenzas, unha das miñas preferidas era que a lavadora fora o maior invento da humanidade, despois da roda e só porque a lavadora leva unha roda dentro. Nunca pensei que mundo á miña volta puidese xirar sen ela. O máis próxima que estiven de vivir sen lavadora foi no primeiro piso que alguei en Sancucufato. A bruxa da caseira xuroume que me puña unha e despois de moita insistencia, apareceu un día cunha especie de centrifugadora de leitugas plástica tamaño hostelería. Certo que o ano anterior en Vilamormallo non tivera, pero aló había lavandarías públicas coma nas pelis estadounidenses.
O caso é que cando vin para As Carrouchas herdei unha de miña nai, coma a que sae na foto, pero modelo dos
de antes, dura coma un buxo, das que cando se escangallaba, viña o técnico, púñalle unha goma ou apertaba un parafuso e todos contentos. Un día, despois de máis de vinte anos a ila virando, cascou. Visto o bo resultado que dera, decidín comprar unha igual... Igual? Ó carallo vintecinco! Porque a nova, non era das de antes, non. A nova tiña un dispositivo electrónico que deu o que estaba programado para dar e ata aquí chegou. Total que co que custa pórlle un cerebro novo ao cacharro, iso dixo o técnico, cómprase unha nova. Imaxino que con menos dotes intelectuais pero que ha durar o mesmo...
E así con todo. O outro día tiven que levar o coche ao taller para trocar unha lámpada, porque di no manual de instrucións:
"O cambio de lámpadas xa non é posible sen que, nos máis dos casos, se teñan que desmontar outras pezas do vehículo. Isto é válido sobre todo para lámpadas ás que só se pode acceder desde o van do motor. Para iso, precísanse coñecementos especiais". Tarifa dos coñecementos especiais: 17 €! O día anterior mudara a da moto -casualmente fundíranse á vez- polo módico prezo da lámpada e sen necesidade de persoal altamente cualificado. Sendo isto malo para o bulso, o peor é que se funda a lámpada nunha fin de semana... ou nunha viaxe. Para que temos que levar xogo de lámpadas no coche? Xa só falta que cando se gasten as rodas, nos digan que compensa comprar un novo. Pero
a quen lle compensa?
Así, mentres os humanos duramos cada vez máis (por sorte ou desgraza, depende) e se fabrican, reciclan e comparten pezas e se crean substancias que nos solucionan ou palían avarías máis ou menos graves, as máquinas deséñanse para unha vida breve, na que nin tempo hai a collerlles cariño, nun continuo usar e tirar consumista que disque fai progresar o mundo...
En así, pouco a pouco, vanme abandonando algunhas máquinas sen que outras as substitúan. Primeiro foi o lavalouzas, logo o portátil, agora a lavadora, o móbil está a dar sinais de morte inminente, a vitro vai polo mesmo camiño... E vou descubrindo que tampouco eran así tan imprescindibles. Creo que mentres me quede o ordenata de sobremesa e a conexión á net, vou poder sobrevivir nin que sexa cociñando nun campingás.